Friday 03 de May de 2024

O Concello de Oroso abre o prazo de presentación de candidaturas para a III Gala da Cultura


A iniciativa pretende recoñecer o mérito de persoas, entidades, asociacións e empresas relacionadas coa cultura

6 de abril de 2016.- O Concello de Oroso vén de convocar a terceira edición da Gala da Cultura, unha iniciativa coa que pretende recoñecer o mérito de persoas, entidades, asociacións ou empresas que destaquen no ámbito cultural. Uns recoñecementos que contarán con catro categorías: premio á Traxectoria no eido da cultura, premio á Promesa 2015 (que despunte nalgunha categoría ou disciplina artística), premio á Asociación/Entidade que en 2015 potenciase a cultura en Oroso e premio á Empresa que apoie a cultura.

Calquera veciño ou entidade de Oroso pode presentar os seus candidatos ou candidatas sempre que o faga durante este mes de abril no Rexistro do Concello de Oroso, non solicite o premio para si mesmo (ou para o grupo que represente) e que o seu candidato pertenza ao ámbito municipal de Oroso. Para presentar o/a seu candidato/a, esa persoa deberá encher o formulario de inscrición, así como presentar unha memoria que detalle o labor desenvolto polo nominado ou nominada e que recolla os seus méritos. Máis información sobre as bases e formulario de inscrición no centro cultural de Sigüeiro (981 690 903).

A resolución do xurado darase a coñecer durante a celebración da III Gala da Cultura, que terá lugar no Centro Cultural Fernando de Casas e Novoa de Sigüeiro o próximo 3 de xuño. Os premios non terán dotación económica algunha, xa que os galardoados recibirán un placa e un diploma como recoñecemento á súa labor cultural. Nos dous primeiros anos, a través destes premios os veciños e veciñas de Oroso recoñeceron o traballo dun total de 27 persoas, entidades, asociacións ou empresas relacionadas co ámbito cultural.